![]()
E OS SEUS VIÑEDOS
As plantación de 90 hectáreas de viñedo son conducidas En espaleira, con poda de tipo "Sylvoz" e marco de plantación de 3,5 x 2,5 m.
Este vñedo xunto coas 78 hectáreas de plantación dos nosos socios permítenos dispor de 168 hectáreas de viñedo propio.
As variedades de uva plantada son viníferas autóctonas: Albariño 70%, Loureiro 15%, Caíño Branco 15%. Estas variedades nobres, cultivadas racionalmente, mais respectando a tradición local, fan que se obteñan unhas vendimas de notábel calidade ano tras ano, ao abeiro dun extraordinario binomio clima-solo.
As condicións climáticas da campaña 2008 viñeron marcadas por unha constante inestabilidade atmosférica e falla de concordancia entre cada época do ano e as condición climáticas. Así durante o inverno rexistráronse temperaturas elevadas e choivas moi concentradas.
O inicio da primavera trouxo un lixeiro descenso das temperaturas, aínda que decontado sufrimos outro forte incremento. A primavera, con estas condicións atmosféricas cambiantes pero con predominio de temperaturas altas, veu acompañada de choivas intensas e fortes ventos.
O verán presentouse coa mesma tónica, é dicir, grandes oscilacións térmicas, con días de elevadas temperaturas seguidos de descensos de até 10ºC en 24 horas.
O final da época de maduración, é dicir, a derradeira quincena do mes de setembro e primeiros de outubro, veu marcado por un elevado número de horas de sol despexado, temperaturas altas e práctica ausencia de choivas, o que propiciou un correcto equilibrio entre ácidos e azucres da uva, así como unha maduración graduada das distintas variedades, facilitándonos a vendima por parcelas.
Consonte á nosa vocación de respecto ao medio ambiente, no noso viñedo racionalízase o emprego de productos fitosanitarios, procurando unha materia prima de maior calidade e evitando a presenza na uva de residuos non desexados.
A filosofía da adega concrétase na elaboración duns viños singulares, con identidade propia, dentro da obrigada máxima calidade.
Para iso fixámonos coma premisas fundamentais:
Continuo coidado e control do viñedo durante o seu ciclo vexetativo.
A vinificación por separado de todas as variedades.
A fermentación faise co noso propio lévedo patentado, excluíndo lévedos foráneos.