Bodegas Terrasgauda, S. A.

A Adega e os seus viñedos

Aséntanse nun lugar privilexiado no val do Rosal, moi preto da desembocadura do río Miño, por terras da Guarda.

Os viñedos atópanse situados entre 50 e 150 m de altitude sobre o nivel do mar, e gozan dun microclima excepcional caracterizado por temperaturas suaves, cunha media anual de 15º C, xeadas moi escasas e precipitacións abondosas.

Este microclima propicia unha excelente maduración, con elevado contido de azucres e cunha acidez menor que noutras zonas máis ao norte da Denominación de Orixe Rías Baixas, máis fluctuantes cualitativamente por cuestións climáticas.

A plantación de 72 hectáreas de viñedo é conducida en espaleira, con poda de tipo "Sylvoz" e marco de plantación de 3,5 x 2,5 m.

As variedades de uva plantada son viníferas autóctonas: Albariño 70%, Loureiro 15%, Caíño Branco 10% e Treixadura 5%.

Estas variedades nobres, cultivadas racionalmente, mais respectando a tradición local, fan que se obteñan unhas vendimas de notábel calidade ano tras ano, ao abeiro dun extraordinario binomio clima-solo.

As condicións climáticas da campaña 2006 viñeron marcadas por unha forte seca durante a primavera e o verán, con rexistros de precipitacións na nosa estación realmente baixos, acompañados dun frío intenso que favoreceu o repouso necesario da vide.

O inicio da primavera tróuxonos as tan necesarias choivas, aínda que despois resultou seca e con elevadas temperaturas, ao igual que o meirande parte do verán, favorecendo unha excelente floración e desenvolvemento de todas as variedades.

O final da época de maduración, é dicir, a derradeira quincena do mes de setembro e primeiros de outubro, veu marcado por un elevado número de horas de sol despexado, temperaturas altas e práctica ausencia de choivas, o que propiciou un correcto equilibrio entre ácidos e azucres da uva, así como unha maduración graduada das distintas variedades, facilitándonos a vendima por parcelas.

Actualmente estamos en proceso de plantación de 20 novas hectáreas, que unidas ao actual viñedo e ás 68 hectáreas das plantacións particulares dos nosos socios, permitirannos dispor de máis de 160 hectáreas de viñedo propio.

En consonancia coa nosa vocación de respecto ao medio ambiente, o noso viñedo está acollido ao plano de protección integrada mediante métodos biolóxicos, que racionaliza o emprego de productos fitosanitarios, buscando unha materia prima de maior calidade e evitando a presencia na uva de residuos non desexados.

A filosofía da adega concrétase na elaboración duns viños singulares, con identidade propia, dentro da obrigada máxima calidade.

Para iso fixámonos coma premisas fundamentais:

Continuo coidado e control do viñedo durante o seu ciclo vexetativo.

A vinificación por separado de todas as variedades.

A fermentación con "pé de cuba", excluíndo levaduras foráneas.

Dispoñemos da máis moderna tecnoloxía e equipamento, e o noso proceso de elaboración resúmese como sigue:

Cando acadan o punto óptimo de maduración, as distintas variedades vendímanse, manualmente e por separado, transportándose á adega en caixas con non máis de 20 kg de capacidade, evitando a rotura prematura dos grans de uva.

Xa na adega, o proceso de transformación comeza co apretado-despalillado, operación mediante a cal os acios de uva son esmagados suavemente, ao tempo que se extrae o cangallo para evitar que o viño adquira un sabor herbáceo.

A continuación a vendima condúcese por unha canalización cara aos maceradores, onde, a unha temperatura entre 8 e 10 grados centígrados, o mosto permanece en contacto cos follellos durante un tempo determinado, co obxecto de extraer os delicados aromas da variedade e os compoñentes que han definir a estructura dos viños.

Seguidamente, as prensas pneumáticas de membrana, que traballan a baixa presión, extraen lentamente o mosto que, despois do desfangado ou limpado de impurezas de xeito estático, fermenta a temperatura controlada (entre 17 e 18ºC) ata se transformar en viño.

Non utilizamos levaduras foráneas, seleccionamos mediante "pé de cuba" as naturais e autóctonas que proceden dos nosos viñedos.

Determinamos cada ano o "coupage", a mestura idónea dos viños das diferentes variedades vinificadas, co fin de responder nos viños de cada nova colleita ao perfil das anadas anteriores.

Despois do "coupage", os viños son estabilizados en frío, filtrados amicrobicamente e por fin embotellados en atmosfera inerte no momento axeitado.

Co noso bagazo elaboramos augardente branca, de herbas e licor café.

Merecemos a Certificación de Calidade segundo a norma ISO 9002, para as actividades de cultivo e recolección de viñedo propio e elaboración e comercialización dos nosos viños.

 

Inicio | Quen somos | A Adega | Abadía de San Campio | Terras Gauda | Terras Gauda Etiqueta Negra | Nosos destilados | Glosario Vitivinícola |
Anadas Españolas | Cata do Viño | I + D | Receitas de Cociña | Novas | Contacto | Percorrido continuado pola Web